martes, 22 de decembro de 2020

FELICES VACACIÓNS DE NADAL

Ola a todos e todas!

Hoxe o primeiro trimestre chega á súa fin!!

O primeiro que quero facer é felicitarvos por todos estes meses de traballo, pero sobre todo polo esforzo tan grande que estades a facer  para lograr que esta pandemia non poida con nós.

Sodes uns valentes, aguantando cada día moitas horas a máscara posta, usando o xel a miúdo...(non podo dicir o mesmo da distancia...ejem...)

Por outro lado, xa que este curso non é posible realizar un festival de nadal como en anos anteriores, os nenos e nenas de sexto prepararon coa profe Ana unha panxoliña especial, pois o alumnado non canta, senón que interpreta cuns instrumentos ben curiosos a canción Jingle Bells.

Desexamos que vos guste!!



Sen máis, só me queda desexarvos que pasedes unhas moi felices festas en compañía dos vosos seres queridos...e sobre todo que vos coidedes moito e teñades moita saúde!

Unha aperta ben forte...vémonos en xaneiro!

xoves, 26 de novembro de 2020

COÑECENDO A CÉLULA

 Ola todos e todas!

Recordade o traballiño de Ciencias que debedes facer para o próximo xoves:r debuxar a CÉLULA PROCARIOTA e a EUCARIOTA.

Como xa vos dixen, déixovos por aqui as imaxes que tomamos como exemplo na aula.



Ademais, para aprender máis cousas sobre a célula, podedes ver os seguintes vídeos: no primeiro explican como son as células e cales son as súas funcións. No segundo, aínda que é en inglés, podedes ver de maneira máis realista como é unha célula por dentro...animádevos a velos! Son moi interesantes!

 


venres, 23 de outubro de 2020

Iniciación na AULA VIRTUAL

 Ola a todos!

Como sabedes, este ano imos comezar a empregar a AULA VIRTUAL do cole para que, en caso de confinamento, non nos colla desprevenidos.

Non vai ser o único medio de traballo que empreguemos en caso de ensino a distancia, pois continuaremos co uso do correo electrónico e con este blog, pero tamén se poderán pedir algunhas actividades a través da aula virtual.

Por outro lado, dende onte o alumnado vai levar e traer sempre os libros de texto e libretas a aula, pois precisamos ter na casa todo o material necesario en caso de que non poidamos ir ao cole.

Volvendo á aula virtual, o primeiro que debemos facer para poder acceder a ela é REXISTRARSE.

Para iso, debedes empregar o usuario e o contrasinal que vos proporcionei a cada un.

A primeira vez que entredes na aula virtual vaivos pedir un cambio de contrasinal. É moi importante que ANOTEDES moi ben o voso USUARIO e o novo CONTRASINAL nalgún sitio onde o teñades a man e non o perdades!!!

A profe Ana e coordinadora TIC elaborou un MANUAL moi completiño onde se vos indica como facer a primeira vez que nos conectemos. 

Unha vez dentro da aula virtual, pincharedes no voso curso (6º primaria) e despois na materia que queirades para ver as actividades e o material que poida haber publicado. Pinchade na seguinte IMAXE para acceder...recordade que tamén o podedes facer dende a WEB do cole.

Podedes deixar nos comentarios que tal foi a experiencia, se vos resultado doado, complexo...

martes, 20 de outubro de 2020

Quen dixo medo?


Ola de novo!

Estes días, na materia de Lingua Galega estamos traballando a DESCRICIÓN...e xa que se achega o SAMAÍN, imos facer descricións de SERES MITOLÓXICOS relacionados co medo!!

Primeiro buscade sobre seres da mitoloxía galega, pero tamén podedes buscar infomación da mitoloxía en xeral.

Déixovos a continuación un enlace a unha web moi interesante onde se recolle información sobre seres mitolóxicos galegos (pincha na imaxe para acceder). Xa sabedes que tamén podedes buscar infomación noutras webs/blogs, en libros, etc.

RECORDADE: debedes facer unha pequena listaxe para o próximo xoves 22 de outubro!

luns, 28 de setembro de 2020

Recordatorio: FOLLAS SECAS

 


Ola a todos e todas!

Estamos a ter algún problemiña co blog, que espero que pronto se solucionen. 

Fago esta entrada para recordar o material que debedes traer a aula o VENRES 2 de outubro. Pois como xa sabedes...imos facer unha pequena manualidade en Plástica.

Tedes que traer unhas poucas FOLLAS SECAS, que non sexan dun tamaño moi grande.

Para secalas, recordade o vídeo que vimos na aula: https://www.youtube.com/watch?v=76POOYSemOA  (Usamos papel de periódico e poñemos un peso sobre elas)


xoves, 24 de setembro de 2020

Traballos de Lengua e Lingua

 Ola a todos e todas!

Este curso imos centrar parte do noso traballo na escritura, tanto en galego como en castelán, pois é moi importante aprender a escribir textos con corrección, onde as ideas se expresen de maneira clara e teña sentido o que estamos a producir.

Para iso, debemos ter moi en conta as REGRAS DA ESCRITURA e seguir estes pasos cando vaiamos escribir calquera texto.




Esta semana, na materia de LINGUA GALEGA, o alumnado debe escribir un TEXTO EXPOSITIVO sobre a profesión que lle gustaría ser de maior. Pero non se trata de contar porque che gusta, senón dar información sobre este traballo.
Recordade, a data de entrega é o próximo XOVES 1 DE OUTUBRO.


Por outro lado, o alumnado que está coa titora na materia de LINGUA CASTELÁ, vai iniciar unha viaxe polo continente europeo. Cada alumn/a será o encargado/a de dar a coñecer un país ou cidade de Europa aos seus compañeiros. Polo tanto, o traballiño desta semana será escribir un TEXTO EXPOSITIVO, en castelán, sobre o lugar escollido por cada un. 
A data de entrega é o MÉRCORES, 30 DE SETEMBRO



Recordade que os pasos para escribir un texto expositivo veñen explicados nos libros de cada materia (como xa vimos na clase)
Busca información, colle lapis e papel e....a ESCRIBIR!



xoves, 17 de setembro de 2020

BENVIDOS A 6º!

Estimado alumnado e familias,

Benvidos a un novo curso escolar! Pero non é un curso calquera...é o curso no que estes nenos e nenas se fan un pouco máis maiores e rematan a súa etapa no cole.

Ademais, vai ser un curso moi especial, marcado pola situación de pandemia que estamos a vivir. Non semella que vaia ser un ano fácil, pois atopámonos no día a día con moitas limitacións que nos impiden vivir a escola como a coñeciamos antes. Pero seguro que todos imos poñer o mellor de nós para lograr que cada xornada sexa divertida e aprendamos moitas cousas xuntos!

Ademais, debemos facer da nosa aula e do noso colexio un espazo seguro, polo que este curso, máis que nunca, debemos cumprir de maneira moi estrita unha serie de NORMAS, que podedes ver a continuación:












FELIZ COMEZO DE CURSO! 
Que teñamos saúde (sobre todo) e sorte!