luns, 27 de abril de 2020

Recomendacións...

Ola a todos e todas!

Xa que esta semana tedes que facer un traballiño no ordenador, gustaríame que visitarades o Blog do Departamento de Orientación do cole, pois recentemente fixeron unha entrada moi interesante para aprender a utilizar o teclado do ordenador e coñecelo mellor.
Premendo na imaxe podedes acceder directamente á entrada e aprender moitas cousas deste descoñecido para moitos.

Por outro lado, supoño que onte domingo foi un día moi emocionante para moitos de vós, pois por fin puidestes saír á rúa e correr ao aire libre! Por se alguén ten algunha dúbida do que pode ou non facer, ou que recomendacións nos dan dende o Goberno, no blog do DO tamén publicaron unha entrada moi interesante que nos aclara este tipo de cuestións. Fai click na imaxe e infórmate!



Ademais, neste blog tamén tedes outros recursos fantásticos repasar moitos contidos que xa coñecedes, ou aprender cousas novas. Animádevos a entrar e explorade todas as ideas e propostas maravillosas que fan as profes Esther, Loli AL e Loli(xefa do DO).


sábado, 25 de abril de 2020

XORNALISTAS POR UN DÍA

Ola a todas e todos!

Supoño que hoxe moitos de vós estaredes moi contentos, pois mañá por fin poderedes saír un pouquiño á rúa por primeira vez en moitas semanas! Está claro que sodes uns campións! Pois aguantastes moitos días nas vosas casas...iso é de valentes! 

Aínda que xa sabedes que isto non acabou de todo...temos que seguir cumprindo coas medidas que nos mandan para acabar con este virus e que remate canto antes esta situación e nos poidamos volver abrazar de novo!

Mentres non podemos saír, algúns colectivos están facendo que este confinamento sexa máis levadeiro, aportando o seu grauciño para animar a todas as persoas que temos que quedar na casa.

Un exemplo desta bonita iniciativa foi o que fixeron os Bombeiros de Santiago hai uns días polas rúas de Compostela. Pero eu non vos podo contar máis...para iso, lede a NOTICIA que vos deixo a continuación (hai tamén un vídeo para ver o que aconteceu).

Despois...converterémonos en xornalistas: primeiro, buscaremos infomación na noticia e contestaremos a unha serie de preguntas, despois ti serás o xornalista e deberás escribir unha noticia (en castelán) e, por último, podes facer un debuxo para animar aos bombeiros a continuar coa importante labor que están a facer!

(Premendo sobre os tres puntiños abaixo á dereita podedes ver máis grande a presentación)

Cando remates, deberás ENVIAR  a noticia que ti escribiches e o debuxo (aínda que este é voluntario, pero gustaríame moito ver como vós tamén aportades o voso grauciño)
Podedes escribir a noticia a ordenador (moi recomendable) ou en papel (debe estar moi limpiño e tense que enteder moi ben a túa letra). Despois, mándala ao correo de sempre (quintosionlla@hotmail.com)

As vosas noticias serán publicadas no "xornal" Os de quinto da Sionlla. E os debuxos serán enviados ao Parque de Bombeiros de Santiago de Compostela.

Veña! Activade o "modo xornalista" e a traballar!!

xoves, 23 de abril de 2020

23 de abril de 2020: Día do Libro

Ola a todos e todas!
Como ben sabedes, hoxe celébrase o DÍA DO LIBRO.
Aínda que estamos un pouquiño lonxe de vós, os mestres e mestras da Sionlla non queriamos deixar pasar este día tan importante e decidimos contarvos algúns dos nosos contos favoritos...aínda que teña que ser de maneira virtual!
Esperamos que vos gusten moito!!



Agradecer especialmente á profe Begoña o seu traballo de montaxe 
e o bonita que quedou esta presentación.


Ademais, algúns compañeiros e compañeiras traballaron arreo e xa fixeron estes MARCAPÁXINAS tan maravillosos!! 

SARA
SONIA


MARTÍN



CARLOTA
SABELA
  

mércores, 22 de abril de 2020

DIA DA TERRA

Hoxe, 22 de abril, celébrase o Día da Terra. Esta é unha data moi especial, pois recórdanos a todos a importancia de coidar o planeta no que vivimos, xa que se este se dana, a nosa vida nel non sería posible.

O coidado da Terra é algo do que nos temos que lembrar todos os días. Recordade que no cole empezamos a REDUCIR a cantidade de plástico das merendas, levando a cabo os VENRES SEN PLÁSTICO.

Desta vez, as profes de Infantil e tamén dende a biblio proñen unha idea moi interesante! Para ver que accións relacionadas co coidado da Terra realizamos nos nosos fogares, invítannos a facer unha FOTO onde se poidan ver as actividades de REDUCIR, REUTILIZAR ou RECICLAR que fagamos nas nosas casas.

Así, todos podemos compartir unha miguiña do que facemos para preservar o noso planeta. Se cada un de nós pon o seu grauciño de area, conseguiremos entre todos salvar a Terra!

Ademais, as profes déixannos un vídeo moi interesante para coñecer outras accións que podemos levar a cabo nos nosos fogares.

Entrade nos blogs e animádevos a partcipar!



Coma sempre, podedes enviar as vosas imaxes ao correo quintosionlla@hotmail.com


A TERRA É DE TODOS...CÓIDAA!!

luns, 20 de abril de 2020

Dia do LIBRO

O próximo xoves, día 23 de abril, é un día moi importante, pois celébrase o DÍA DO LIBRO, para recordarnos a importancia da lectura e dos libros nas nosas vidas.

Hoxe máis que nunca, mentres estamos nas nosas casas sen poder saír, os libros permítennos viaxar a lugares sorprendentes e vivir aventuras incribles! Ademais, fannos pasar uns momentos moi agradables e entretidos!

Para saber se sodes uns expertos lectores, o equipo da biblioteca do cole, dende o seu blog, propoñen un PASAPALABRA moi divertido! Entra na publicación pinchando na imaxe e anímate a resolvelo...así poderás saber canto coñeces sobre os libros!!


Ademais, gustaríame ensinarvos algunhas ideas de MARCAPÁXINAS que podemos facer nós mesmos para sinalar a páxina onde paramos do libro que esteamos ler. Algúns compañeiros e compañeiras da clase xa saben como se fan algúns deles...e quedan ben bonitos! Déixovos a continuacións uns tutoriais con modelos diferentes.

Con este vídeo aprenderás a facer un marcapáxinas para poñer na esquina da folla:




Este outro, ensínanos a facer marcapáxinas cun pompón. Se dispós dunha pouca la na túa casa poderás facer un bonito marcapáxinas. (Truco: para facer o pompón tamén podemos empregar un tenedor, pola parte coa que pinchamos a comida)


Por suposto, se vos animades a facer algunha destas manualidades, non vos esquezades de enviarme o resultado ao correo de sempre (quintosionlla@hotmail.com). Pois gústame moito ver os vosos traballiños!

LEDE MOITO ESTES DÍAS E RECORDADE...


sábado, 18 de abril de 2020

A por outro RETO MATEMÁTICO

Ola a todos e todas!!

Estades listos?...Hoxe traivos un novo RETO MATEMÁTICO!
Esta vez é diferente...entrade e descubrídeo vós mesmos!

Iso si, antes debo darvos algunhas recomendacións...
- Podedes entrar na presentación tantas veces como queirades, non hai tempo!
- Se premedes na esquina inferior dereita (onde hai 3 puntiños), e despois no debuxo das dúas frechas, poderedes ver a presentación en grande.
- Ide páxina a páxina...e non esquezades anotar ben os resultados do que averiguástedes.

Por último, cando consigades resolver este complexo reto, escribide as solucións nun word ou no propio correo electrónico e enviádemo á dirección de sempre (quintosionlla@hotmail.com)

Pois...a que esperades?
Collede papel e lapis e a dárlle á cabeza!! 

venres, 17 de abril de 2020

AVISO da profe Loli!

Ola a todos e todas!

Teño un recadiño de Loli, a mestra de Inglés!! A profe pídeme que vos diga que vos rexistredes na plataforma BLINKLEARNING (https://www.blinklearning.com/home) da editorial Oxford, dende onde vos proporcionará traballo da súa materia.

Para poder rexistrarvos, accededes á web e alí premedes na pestaña "Crear cuenta".

Despois, deberedes introducir os datos que se solicitan: correo electrónico, nome e apelidos do alumno, idade e contrasinal. 
Na parte superior debes introducir o código de clase, que neste caso para os alumnos de quinto é CL57829574

Calqueda dúbida, poñedevos en contacto coa profe Loli no correo inglesasionlla@gmail.com

Boa fin de semana! Unha aperta!!

PD: Mañá estade atentos ao blog...achégase un novo RETO MATEMÁTICO ;)

mércores, 15 de abril de 2020

Para os CAPITÁNS da Sionlla

Ola a todos e todas!
Benvidos ao terceiro trimestre!! Que rápido pasa o tempo! Xa non queda case nada...Oxalá pronto poidamos volver á clase, pois eu bótovos moito de menos!

Pero mentres isto non sexa posible, os profes do cole queriamos mandarvos moitos ánimos...por iso fixemos este vídeo con moito cariño para todos vós!!

Pois vós sodes os verdadeiros CAPITÁNS do noso gran barco da Sionlla...



Agradecer especialmente a labor da profe Ana, pola súa implicación e o seu traballo, que dou como resultado este magnífico vídeo!!

Unha aperta para todos! ;)

venres, 10 de abril de 2020

Os vosos traballos...!!!

Ola a todos e todas!!

Como van as vacacións?? Seguro que moi ben! Pero...xa pouco queda!

Hoxe quero que todos vexades os traballiños que as compañeiras e compañeiros fixeron ao longo destes días dende que remataron as clases! Para iso, mirade o VIDEO que aparece a continuación...








MOITAS GRAZAS A TODAS E TODOS polo voso interese e participación!!

Aínda así...é unha pena que a participación nas actividades do blog sexa tan baixa con respecto ao número de alumnos e alumnas que somos no grupo. Sobre todo, cando recibo mensaxes pedindo máis traballo porque xa se rematou. A aprendizaxe non só está nas fichas e nos exercicios do libro...con este tipo de actividades trabállanse moitas máis capacidades e competencias clave, como a comprensión lectora, o razoamento matemático, o uso de ferramentas TIC, as capacidades artísticas, etc. imprescindibles no desenvolvemento integral do alumno.

Desfrutade dos dias libres que nos quedan! Unha aperta! ;)

domingo, 5 de abril de 2020

Ata a volta!

Ola queridas alumnas e alumnos!

Como sabedes, o venres comezaron as VACACIÓNS de Semana Santa! Traballástedes moito este trimestre...polo que agora toca descansar uns días.

Pero non quería "marchar de vacacións" sen antes ensinarvos os TRABALINGUAS que me enviastes...e que me fixo moita ilusión recibir e escoitar o ben que recitades! Moitas gracias a todos os que participastes! Valoro moito todo o esforzo e traballo que estades a facer!

E os demais...a ver se recoñecedes as voces dos vosos compañeiros e compañeiras!
DÁLLE AO PLAY!!




Por outro lado, queríavos deixar aquí algunhas ideas de XOGOS e ACTIVIDADES para facer durante esta semana (Pincha sobre a imaxe ou no nome para acceder).

Se vos apetece viaxar e coñecer mundo, non hai problema!! Coa aplicación GOOGLE EARTH podedes visitar calquera parte do planeta sen moverte da túa casa!



Pero se prefires ir algo máis lonxe... podes coñecer moitas cousas sobre o universo a través da web que a NASA pon ao noso servizo.




Despois de tanta viaxe...seguro que che entra fame!! Pois proba a facer estas riquísimas e divertidas RECEITAS !!




Para baixar esa rica comida, toca mover o corpo! Aquí poderedes atopar un montón de ACTIVIDADES: zumba, ioga...
Pon o chándal e a mover o corpo!!





E remata cun pouco de lectura. Na páxina web WEEBLEBOOKS ofrécennos unha gran cantidade de libros de maneira gratuíta.



Ademais, podédesvos enrolar nunha apaixoante MISIÓN CIENTÍFICA! Pinchando en cada +, atoparedes un reto moi divertido! A ver se os completades todos!












Por último, recordarvos tamén que tendes moitas máis ideas e actividades na web do cole e nos BLOGS de MÚSICA, BIBLIOTECA e ORIENTACIÓN (tendes os enlaces á dereita).


Que pasedes unhas felices vacacións e oxalá pronto nos poidamos reunir todos de novo no cole! Pero mentres tanto recordade... #EUQUEDONACASA

venres, 3 de abril de 2020

Dia Mundial da concienciación sobre o AUTISMO



Ola a todos e todas!

Hoxe tráiovos unha actividade moi especial que propoñen as compañeiras do Departamento de Orientación do cole. Onte, día 2 de abril, celebrouse o Dia Mundial da Concienciación sobre o AUTISMO.

Baixo o lema "Podo aprender, podo traballar", proponse unha actividade moi sinxela pero moi significativa para concienciar sobre a necesidade de proporcionar ás persoas con TEA unha educación e un emprego de calidade.

A actividade consiste en elixir unha ferramenta que represente unha das vosas habilidades e facerte unha foto sostendo a ferramenta.

Podedes ver as instruccións no blog do Departamento de Orientación e ademais aprender un pouquiño máis sobre que é o autismo a través do vídeo "A viaxe de María".


Entrade no blog e animádevos a participar nesta bonita proposta que nos fan as profes Esther (PT), Loli G. (orientadora) e Loli (AL)