martes, 22 de decembro de 2020

FELICES VACACIÓNS DE NADAL

Ola a todos e todas!

Hoxe o primeiro trimestre chega á súa fin!!

O primeiro que quero facer é felicitarvos por todos estes meses de traballo, pero sobre todo polo esforzo tan grande que estades a facer  para lograr que esta pandemia non poida con nós.

Sodes uns valentes, aguantando cada día moitas horas a máscara posta, usando o xel a miúdo...(non podo dicir o mesmo da distancia...ejem...)

Por outro lado, xa que este curso non é posible realizar un festival de nadal como en anos anteriores, os nenos e nenas de sexto prepararon coa profe Ana unha panxoliña especial, pois o alumnado non canta, senón que interpreta cuns instrumentos ben curiosos a canción Jingle Bells.

Desexamos que vos guste!!



Sen máis, só me queda desexarvos que pasedes unhas moi felices festas en compañía dos vosos seres queridos...e sobre todo que vos coidedes moito e teñades moita saúde!

Unha aperta ben forte...vémonos en xaneiro!

xoves, 26 de novembro de 2020

COÑECENDO A CÉLULA

 Ola todos e todas!

Recordade o traballiño de Ciencias que debedes facer para o próximo xoves:r debuxar a CÉLULA PROCARIOTA e a EUCARIOTA.

Como xa vos dixen, déixovos por aqui as imaxes que tomamos como exemplo na aula.



Ademais, para aprender máis cousas sobre a célula, podedes ver os seguintes vídeos: no primeiro explican como son as células e cales son as súas funcións. No segundo, aínda que é en inglés, podedes ver de maneira máis realista como é unha célula por dentro...animádevos a velos! Son moi interesantes!

 


venres, 23 de outubro de 2020

Iniciación na AULA VIRTUAL

 Ola a todos!

Como sabedes, este ano imos comezar a empregar a AULA VIRTUAL do cole para que, en caso de confinamento, non nos colla desprevenidos.

Non vai ser o único medio de traballo que empreguemos en caso de ensino a distancia, pois continuaremos co uso do correo electrónico e con este blog, pero tamén se poderán pedir algunhas actividades a través da aula virtual.

Por outro lado, dende onte o alumnado vai levar e traer sempre os libros de texto e libretas a aula, pois precisamos ter na casa todo o material necesario en caso de que non poidamos ir ao cole.

Volvendo á aula virtual, o primeiro que debemos facer para poder acceder a ela é REXISTRARSE.

Para iso, debedes empregar o usuario e o contrasinal que vos proporcionei a cada un.

A primeira vez que entredes na aula virtual vaivos pedir un cambio de contrasinal. É moi importante que ANOTEDES moi ben o voso USUARIO e o novo CONTRASINAL nalgún sitio onde o teñades a man e non o perdades!!!

A profe Ana e coordinadora TIC elaborou un MANUAL moi completiño onde se vos indica como facer a primeira vez que nos conectemos. 

Unha vez dentro da aula virtual, pincharedes no voso curso (6º primaria) e despois na materia que queirades para ver as actividades e o material que poida haber publicado. Pinchade na seguinte IMAXE para acceder...recordade que tamén o podedes facer dende a WEB do cole.

Podedes deixar nos comentarios que tal foi a experiencia, se vos resultado doado, complexo...

martes, 20 de outubro de 2020

Quen dixo medo?


Ola de novo!

Estes días, na materia de Lingua Galega estamos traballando a DESCRICIÓN...e xa que se achega o SAMAÍN, imos facer descricións de SERES MITOLÓXICOS relacionados co medo!!

Primeiro buscade sobre seres da mitoloxía galega, pero tamén podedes buscar infomación da mitoloxía en xeral.

Déixovos a continuación un enlace a unha web moi interesante onde se recolle información sobre seres mitolóxicos galegos (pincha na imaxe para acceder). Xa sabedes que tamén podedes buscar infomación noutras webs/blogs, en libros, etc.

RECORDADE: debedes facer unha pequena listaxe para o próximo xoves 22 de outubro!

luns, 28 de setembro de 2020

Recordatorio: FOLLAS SECAS

 


Ola a todos e todas!

Estamos a ter algún problemiña co blog, que espero que pronto se solucionen. 

Fago esta entrada para recordar o material que debedes traer a aula o VENRES 2 de outubro. Pois como xa sabedes...imos facer unha pequena manualidade en Plástica.

Tedes que traer unhas poucas FOLLAS SECAS, que non sexan dun tamaño moi grande.

Para secalas, recordade o vídeo que vimos na aula: https://www.youtube.com/watch?v=76POOYSemOA  (Usamos papel de periódico e poñemos un peso sobre elas)


xoves, 24 de setembro de 2020

Traballos de Lengua e Lingua

 Ola a todos e todas!

Este curso imos centrar parte do noso traballo na escritura, tanto en galego como en castelán, pois é moi importante aprender a escribir textos con corrección, onde as ideas se expresen de maneira clara e teña sentido o que estamos a producir.

Para iso, debemos ter moi en conta as REGRAS DA ESCRITURA e seguir estes pasos cando vaiamos escribir calquera texto.




Esta semana, na materia de LINGUA GALEGA, o alumnado debe escribir un TEXTO EXPOSITIVO sobre a profesión que lle gustaría ser de maior. Pero non se trata de contar porque che gusta, senón dar información sobre este traballo.
Recordade, a data de entrega é o próximo XOVES 1 DE OUTUBRO.


Por outro lado, o alumnado que está coa titora na materia de LINGUA CASTELÁ, vai iniciar unha viaxe polo continente europeo. Cada alumn/a será o encargado/a de dar a coñecer un país ou cidade de Europa aos seus compañeiros. Polo tanto, o traballiño desta semana será escribir un TEXTO EXPOSITIVO, en castelán, sobre o lugar escollido por cada un. 
A data de entrega é o MÉRCORES, 30 DE SETEMBRO



Recordade que os pasos para escribir un texto expositivo veñen explicados nos libros de cada materia (como xa vimos na clase)
Busca información, colle lapis e papel e....a ESCRIBIR!



xoves, 17 de setembro de 2020

BENVIDOS A 6º!

Estimado alumnado e familias,

Benvidos a un novo curso escolar! Pero non é un curso calquera...é o curso no que estes nenos e nenas se fan un pouco máis maiores e rematan a súa etapa no cole.

Ademais, vai ser un curso moi especial, marcado pola situación de pandemia que estamos a vivir. Non semella que vaia ser un ano fácil, pois atopámonos no día a día con moitas limitacións que nos impiden vivir a escola como a coñeciamos antes. Pero seguro que todos imos poñer o mellor de nós para lograr que cada xornada sexa divertida e aprendamos moitas cousas xuntos!

Ademais, debemos facer da nosa aula e do noso colexio un espazo seguro, polo que este curso, máis que nunca, debemos cumprir de maneira moi estrita unha serie de NORMAS, que podedes ver a continuación:












FELIZ COMEZO DE CURSO! 
Que teñamos saúde (sobre todo) e sorte!















 

sábado, 20 de xuño de 2020

PECHADO POR VACACIÓNS!



Ola a todos e todas!
Ao igual que remata este curso escolar, tamén paramos durante o verán a actividade do blog.

Oxalá en setembro o poidamos volver abrir todos xuntos de novo.

¡FELICES VACACIÓNS!

venres, 19 de xuño de 2020

Chegou o día da despedida...

Ola a todos e todas!
Chegou o día...hoxe remata o curso 2019-2020!! E con el a vosa etapa en 5º de primaria!

Agora só vos queda un aniño no cole, xa sodes os maiores! Oxalá poidamos volver en setembro ás aulas e disfrutar do cole e dos compañeiros e compañeiras como fixemos sempre!

Quero dicirvos que estou moi contenta de ser a vosa profe e que sodes un grupo estupendo!! Durante este período desde que remataron as clases presenciais tivestes que aprender a manexar os medios tecnolóxicos moi rápido e traballar moitas veces vós soíños! Fixestes un gran esforzo durante moitos meses e eu estou moi contenta por iso!

Pero antes de que se acabaran as clases, pasamos moi bos momentos na escola todos xuntos!
Espero que vos guste moito este VÍDEO que preparei para vós con moito cariño...
Sodes un gran grupo! Seguide sempre así! 


Agora toca descansar e disfrutar moito do verán.
Que pasedes unhas MOI FELICES VACACIÓNS!!!

Unha aperta enorme da vosa profe :)




mércores, 17 de xuño de 2020

Creando recordos


Ola a todos e todas!

Achégase o final do curso e non quería que rematase sen facer unha lembranza dos bos momentos vividos durante os meses que compartimos xuntos.

Por iso hoxe vos pido que vos paredes un momentiño a pensar e a recordar cales foron para ti os mellores momentos que este ano pasaches no cole! Despois, deixa o teu comentario contando ese día no que desfrutaches, ou esas actividades que che gustaron ou calquera cousa que ti queiras recordar!

Entre todos podemos crear un ALBUM DA MEMORIA deste curso que foi tan raro, pero á vez tan especial!

PD: se comentas como anónimo, non esquezas poñer o teu nome no comentario!

Ademais, lembrade que mañá  xoves é o día da videochamada!! Estade atentos ao reloxo e sobre as 12:00 conectádevos! 

Que teñades un bo día! :)

luns, 15 de xuño de 2020

Por fin...!!

Ola a todos e todas!
Hoxe comezamos a semana cunha publicación moi especial...o CONTO ENCADEADO!!

Trátase dun conto único no mundo, pois foi creado de maneira conxunta por varios alumnos e alumnas da clase, que quixeron participar nesta historia.

Aquí vola deixo! Espero que vos guste tanto como a min!! Os vosos compis teñen unha imaxación incrible!

Se queredes ampliar o texto e a imaxe, pinchade nos 3 puntiños da dereita e despois nas frechas.

Desfrutade da lectura...
Non vos falta algo neste conto?? Efectivamente... non ten título!! Para solucionar este enredo, propóñovos unha actividade: escribe un comentario co TÍTULO que lle poñerías a esta historia.
Animádevos a participar!!

venres, 12 de xuño de 2020

Último repasiño ás Ciencias...

Ola a todos e todas!

Para ir rematando...hoxe déixovos algunhas actividades de repaso das materias de Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais. Imos repasar diferentes contidos...Pincha nas imaxes para acceder:

  • Xogos de Ciencias Naturais

  • Xogos de Ciencias Sociais
  • O puzzle das PRONVINCIAS...a ver se es quen de rematalo!

E con isto rematamos a semana!! Recordade que no blog, en publicación antigas, tedes máis recursos para seguir repasando contidos das diferentes materias.

BOA FIN DE SEMANA!

xoves, 11 de xuño de 2020

Harry Potter e as pocións do coñecemento

Ola a todos e todas!

Hoxe tráivos un xogo moi divertido para facer un repasiño xeral de Lingua Castelá, Lingua Galega e Mateméticas que creou para o seu alumnado Jose P., un compañeiro meu. E que nos presta para que nós tamén poidamos repasar con este recurso tan bo que fixo!

Pode haber algunhas preguntiñas que vos costen un pouquiño máis, pero estou segura de que o conseguiredes!

Lede atentamente as instruccións que vos van dando e...ADIANTE CO SCAPE ROOM

(Pincha na imaxe para entrar)
Non esquezades comentar se o conseguistes... ;)

mércores, 10 de xuño de 2020

AS EMOCIÓNS

Ola a todos e todas!

Hoxe imos falar dun tema distinto...das EMOCIÓNS!
Pois é moi importante identificar como nos sentimos, poñerlle un nome as nosas e emocións e poder buscar así solucións para sentirnos mellor!

Deixovos un vídeo onde para amprender máis sobre as emocións:


Seguro que moitos de vós durante todos estes meses nos que non podiamos saír da casa vos sentistes de maneira diferente: preocupados polo virus, tristes por non poder estar coas persoas que queríades, alegres por poder compartir tempo coa familia, disgustados por non poder saír da casa...

No seguinte documento podedes atopar máis información sobre as emocións e actividades relacionadas con algunhas emocións básicas como o enfado, a tristeza, o medo...



Por último, traivos un XOGO que fixemos coa colaboración do alumnado de Valores Sociais a e Cívicos
Como sabedes, como medida contra o virus, todas as persoas maiores de 6 anos deben usar MASCARILLA cando non se poida gardar a distancia social de 2 metros. Coa nosa cara expresemos moitísimas emocións, pero ao levala medio tapada só nos queda a nosa mirada para expresar sentimentos.

A ver se sodes quen de recoñecer que queren expresar os vosos compañeiros!

martes, 9 de xuño de 2020

RETO MATEMÁTICO

Ola a todas e todos!

Non podía rematar o curso sen un novo RETO MATEMÁTICO!

Esta vez é un pouco diferente...a ver se o consegues!

Vai indo páxina a páxina e non esquezas anotar o número da cuestión que estas a resolver...

A POR TODAS!

Sssshhhh!! Non escribas os resultados nos comentarios...pero si podes contar se fuches capaz de resolvelo...! ÁNIMO :)

PD: lembra enviar os teus resultados ao correo quintosionlla@hotmail.com

luns, 8 de xuño de 2020

Seguimos con Lengua...

Ola a todos e todas!
Comezamos unha nova semana...a por ela!

Hoxe continuamos repasando Lingua Castelá cuns recursos para traballar a comprensión de textos escritos pero tamén da linguaxe oral.

Comprensión escrita: pinchando na imaxe tedes acceso a diferentes textos. Escolledes os que máis vos gusten, facedes a lectura ben atentos e despois respondedes as preguntiñas que propoñen.

Comprensión oral: primeiro debedes ver e escoitar con atención o vídeo dun episodio da serie "Los Thundermans". Despois pasades a responder as preguntas...a ver se estivestes atentos!


Ademais destes, recordade que hai publicacións antigas con máis recursos para traballar e repasar diferentes contidos de todas as materias. Animádevos a mirar en publicacións anteriores!


 E BOA SEMANA A TODOS! ;)

venres, 5 de xuño de 2020

DíA DO MEDIO AMBIENTE

Ola a todos e todas!
Hoxe, 5 de xuño, celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, que  nos ven a recordar a importancia de coidar o mundo no que vivimos.

Como recordaredes, cando traballamos OS ECOSISTEMAS en Ciencias da Natureza vimos como a actividade humana está influíndo de meneira negativa en moitas zonas no noso planeta. Polo tanto, todos somos responsables do coidado do noso entorno e con pequenas accións podemos cambiar o rumbo da Terra.

Os compañeiros de Valores Sociais e Cívicos fixeron un traballo de reflexión sobre como estaba evolucionando a natureza durante o período no cal estivemos totalemnte confinados. Abre a imaxe e pensa por un momento sobre as preguntas que aí aparecen:

Ademais, o Equipo da Biblioteca do cole creou un XOGO ben divertido sobre este día! Anímate a resolvelo!




lknkjojh


O noso planeta necesita que o coidemos...que podemos facer nós? 

PENSA GLOBALMENTE, ACTÚA LOCALMENTE


mércores, 3 de xuño de 2020

Un pouco de LENGUA...

Ola a todos e todas!
Déixovos por aquí algúns xogos para repasar contidos básicos de Lingua Castelá. Como sabedes, é moi importante coñecer as normas dunha lingua para poder empregala con corrección, polo que un repasiño nunca vén mal!

Pinchando nas imaxes podedes acceder a diferentes xogos,  escoller os que queirades e practicar un pouco:

  • XOGOS DE GRAMÁTICA



  • XOGOS DE VOCABULARIO


  • XOGOS DE ORTOGRAFÍA


Espero que vos gusten...e que acertedes todas as preguntas! 
Non vos esquezades de que podedes deixar os vosos comentarios abaixo ;)

xoves, 28 de maio de 2020

Os vosos traballiños de ORIGAMI

Ola a todos e todas!!
Hoxe quérovos ensinar os traballiños de PAPIROFLEXIA que fixestes a semana pasada.

Traballastes un montón...e quedáronvos moi bonitos a todos!


Por outro lado, espero que o pasarades ben na experiencia da videochamada. Xa que non podemos ir o cole, polo menos puidémonos ver case todos e compartir cos compañeiros as vosas experiencias durante a cuarentena.

Unha aperta :)

mércores, 27 de maio de 2020

Estades listos para a videochamada?

Ola a todos e todas,

Mañá é o día!! Por fin nos imos ver...aínda que sexa a través do ordenador!

Neste momento todos tivestes que recibir no voso correo unha mensaxe cunha invitación para unirse a unha reunión con WEBEX. No correo que vos chegou aparecía isto (coas claves, aquí están borradas):
Se non vos chegou, mirade en spam, pois non se envía dende o mesmo correo de sempre. Se aí tampouco está, escribídeme ao correo antes das 11:30, para poder solucionar o problema.

Para conectarnos e poder facer a videochamada, mañá xoves, sobre as 12, entrade nese enlace, ou metede en Webex os datos que vos solicitan. A reunión non comezará ata que eu me conecte, pois son a organizadora.

Ao igual que vos mandei por correo, déixovos aquí o vídeo onde explican como debedes facer para poder conectarvos.



Para o seu desenvolvemento estableceremos quendas de palabra, pois se falamos todos a vez non nos imos entender. Pensade que cousas tedes ganas de contarlles aos vosos compañeiros e compañeiras!
Vémonos mañá as 12!! 

luns, 25 de maio de 2020

Repasamos o RELEVO

Ola a todos e todas!

Comezamos unha nova semana! Imos a por ela con enerxía!

Hoxe tráivos uns xogos para que repasedes algúns dos contidos traballados en Ciencias Sociais sobre o RELEVO de España...A ver quen se lembra do mapa e sabe situar correctamente cada cordilleira, meseta, val... Seguro que o facedes xenial!

Premede sobre as imaxes, que vos levará aos diferentes xogos:


  • A ver se recordas como de definen estes elementos da paisaxe:


  • Neste xogo deberás sinalar o nome de cada forma do relevo de España no seu sitio correspondente no mapa:


  • Agora deberás recoñecer na imaxe cada forma do relevo, serás capaz?


Non vos esquezades de deixar o voso comentario e contádeme se vos gustaron as actividades ou se vos resultou complicado facelas.

sábado, 23 de maio de 2020

Grazas BOMBEIROS!

Ola a todos e todas!

Espero que esteades desfrutando moito destes días libres!

O prometido é débeda!! Aos Bombeiros de Santiago gustáronlles moito os vosos debuxos e mensaxes de ánimo...así que eles tamén vos quixeron facer un pequeno agasallo!

Miráde o vídeo... ao final hai unha sorpresa para vós!
ohjk
Agradecer aos Bombeiros de Santiago de Compostela este bonito xesto que tiveron cos nenos e nenas  do cole. MOITAS GRAZAS!

xoves, 21 de maio de 2020

Celebramos o Día das Letras

Ola a todos e todas!

Seguro que moitos de vós xa vistes o bonito video que dende o Equipo da Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega fixeron para celebrar o Día das Letras Galegas, pero por se alguén se despistou, deixoo aquí tamén!

Acordádesvos de que nos pedían que escribísemos a nosa palabra favorita en galego? Pois aquí está o resultado!



Grazas ao alumnado de quinto que participou nesta iniciativa.

A desfrutar dos días festivos...vémonos o luns! :)

martes, 19 de maio de 2020

O puzzle dos ecosistemas

Ola a todos e todas!

Hoxe tráivos unha actividade relaciona cos contidos que estivemos vendo este curso en Ciencias da Natureza.

Para poder responder a esta actividade, primeiro tedes que facer es PUZZLE

A partir da imaxe que ves despois de resolver o puzzle, debes pensar de que TIPO DE ECOSISTEMA se trata, e contarme as principais características deste ecosistema. Ademais, investiga que tipo de flora e fauna se pode atopar nese ecosistema e dime o nome dalgunhas plantas e animas que poderías encontrar se foses a ese lugar (podes empregar o libro para buscar a información).
Por último, a ver se averiguas onde puido ser sacada esta foto e dime a que lugar do mundo cres que pode corresponder...a ver se acertas!

Enviádeme as vosas respostas ao correo de sempre quintosionlla@hotmail.com

Animádevos a participar!! 

venres, 15 de maio de 2020

Dia da FAMILIA


Ola a todos e todas!
Hoxe, 15 de maio celébrase o Día Internacional da Familia. Como podedes ver na imaxe, existen moitos tipos diferentes de familias pero todas comparten o mesmo sentimento de amor incondicional cara as persoas que a forman. 

Para celebrar este día tan importante, propóñovos que lle fagades un regalo ás vosas familias: crear a vosa ÁRBORE XENEALÓXICA. Pero...sabedes que é iso? Neste vídeo explícavolo:



A árbore xenealóxica recibe ese nome porque a súa forma é como unha árbore, pois é onde cada persoa ten as súas raíces e se vai ramificando con cada un dos seus familiares.

Trátase dun esquema dos membros que forman a nosa familia. Empezamos sempre nos nosos antepasados e imos "baixando" ata chegar a nós mesmos: debemos incluír nas diferentes ramas aos noso avós, pais, tios, primos e irmáns.

Pero...como o ides realizar? Podedes comezar nos vosos avós (os pais da vosa nai e os pais do voso pai) e ir engadindo os fillos que eles tiveron (voso pai/nai e tios/as) e por último, vós mesmos, os vosos irmáns e os fillos dos vosos tios (os vosos primos). A árbore vaise cubrindo poñendo os nomes de cada membro da familia. Está entendido??

Collede un folio, poñédeo en horizontal e comezade de arriba cara abaixo! Pero sshhhh...non lle digades nada aos vosos pais do que estades a facer...poñédeo ben bonito e dádelle unha sorpresa!

FELIZ DÍA DA FAMILIA!






xoves, 14 de maio de 2020

Día das Letras Galegas 2020

Ola a todos e todas!
Como xa sabedes, o 17 de maio é un día moi importante en Galicia, pois celébrase o día das nosas letras, as LETRAS GALEGAS, onde cada ano se rende homenaxe a autores relevantes que escribiron na nosa lingua e que foron destacados na defensa da nosa cultura.

Este ano, o escritor homenaxeado é Ricardo Carvalho Calero, lingüista e escritor, nacido en Ferrol no 1910, e gran defensor do uso do galego.

Para saber máis sobre a súa vida, premede sobre a IMAXE  do inicio e achegaravos á súa biografía.

Ademais, déixovos a continuación un pequeno vídeo-presentación sobre o autor e os aspectos máis destacados da súa traxectoria.



Por outro lado, o EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA do colexio, dende o seu BLOG, estannos a propoñer durante esta semana unha serie de actividades moi interesantes para coñecer un pouco máis ao autor e traballar con algunhas das súas OBRAS, como "As pitas baixo a choiva". Anímovos a todos a entrar e participar nas diferentes propostas que alí podedes atopar!
Premede sobre a IMAXE para acceder ao blog.



Tamén recordar, que hoxe (xoves 14) é o último día para participar na actividade proposta polo equipo da biblioteca A MIÑA PALABRA FAVORITA EN GALEGO, coa que se nos fai partícipes aos alumnos, ás familias e aos porfes da celebración virtual do cole do Día das Letras Galegas.
Nestes días tampouco perdades de vista o blog da biblio, pois ides atopar xogos e actividades moi entretidas relacionadas con esta celebración.

Xa vedes con cantas cousiñas contamos no cole! Animádevos a entrar a miúdo nos diferentes blogs e participar en todas as propostas tan interesantes e enriquecedoras que nos ofrecen!

luns, 11 de maio de 2020

ORIGAMI

Ola a todos e todas!

Hoxe traivos unha tarefa de MANUALIDADES, a ver quen é o máis habilidoso dobrando papel!
Si si, dobrando papel...esta técnica para crear figuras en 3D chámase papiroflexia ou origami.

É unha técnica moi antiga, con orixe na China. Con ela, podemos crear diferentes figuras só facendo dobreces ao papel, sen precisar doutras ferramentas como tesoiras ou pegamento.

Neste caso, para a materia de PLÁSTICA, deberedes elaborar dúas figuras diferentes mediante esta técnica.
Tedes ata o VENRES 22 DE MAIO para enviar unha foto do voso traballiño.
Déixovos a continuación unha presentación con exemplos e uns videos onde podedes ver como se fan  figuras diferentes.
 ESPERO QUE VOS GUSTEN!






venres, 8 de maio de 2020

O periódico dos soños

Ola a todos e todas!

Por fin! Aquí está! A publicación máis esperada por toda a escola!
Os xornalistas de quinto escribiron as mellores noticias que oxalá pronto poidamos ler... Pasade as páxinas e a ler o xornal!
@s de quinto da Sionlla de PATRICIA

Ademais, algúns de vós fixestes uns debuxos preciosos para darlle ánimos aos bombeiros nestes días tan complicados, nos que tanto están traballando, xunto cos demais corpos de seguridade, para que poidamos saír seguros polas rúas de Compostela. Ollade neste vídeo que artistas son os vosos compañeiros e compañeiras!


Por último....o prometido é débeda!! Os Bombeiros de Santiago de Compostela quedaron moi  agradecidos de todos eses debuxos que lle chegaron dos alumnos e alumnas de quinto. Aquí vos deixo a mostra da súa publicación na rede social Facebook. Podedes vela entrando, co consentimento dos vosos pais, no perfil dos Bombeiros de Santiago.




luns, 4 de maio de 2020

Conto en-ca-de-a-do


Ola a todos e todas!

Hoxe tráivos unha nova actividade: imos crear un CONTO ENCADEADO.

Entre todos os nenos e nenas vamos crear unha historia, un conto colaborativo.
Pero, como se fai iso? Moi sinxelo, é unha historia viaxeira que irá de casa en casa. Cando sexa o voso turno, leredes o que escribiron os compañeiros e continuaredes o conto.

Cada un deberá escribir entre 5 e 10 liñas aproximadamente, e despois vólveme enviar a historia ao correo de sempre (quintosionlla@hotmail.com)

Como xa vos conto no correo que mandei, debes dicirme se queres participar para repartir o traballo. Podedes deixar aquí un comentario ou contestar ao correo, como prefirades.
A ver que historia sae de aqui...!!!


Por outro lado, quería contarvos que no blog da biblioteca nos fan unha proposta moi bonita para celebrar o Día das Letras Galegas. Queren coñecer cal é a vosa PALABRA PREFERIDA EN GALEGO.
Como sabedes, o noso idioma ten palabras fermosas que só os que coñecemos o galego podemos empregar...por iso son tan especiais. Busca a túa e crea un carteliño con ela, faite unha foto e participa!!

venres, 1 de maio de 2020

Benvido maio!

Comezamos un novo mes...pero non é un mes calquera! MAIO é o mes das flores, que nos indican que o inverno xa pasou e que o mellor está por vir...e ademáis é o mes das nosas letras, das letras galegas.



Para darlle a benvida, no blog da biblioteca propóñennos celebrar a Festa dos Maios.
Aínda que esteamos lonxe da escola, podemos engalanar as fiestras da nosa casa coas flores que podedes encontrar no blog e cantar unhas coplas que a profe Ana nos propón no blog de música.
Entrade e animádevos a participar.


Ademais, deixo aquí un PUZZLE moi primaveral...a ver que é capaz de montalo!
(Unha pista: premendo no icono da imaxe, abaixo á esquerda, poderás ver como é).
Non te esquezas de deixar o teu comentario e cóntanos se o puideches rematar e se che gustou facelo!




Tamén podedes descargar este MANDALA e colorealos con moitas cores brillantes e alegres, pois estamos na estación do ano de máis color nas nosas paisaxes!


A desfrutar dun novo mes!




luns, 27 de abril de 2020

Recomendacións...

Ola a todos e todas!

Xa que esta semana tedes que facer un traballiño no ordenador, gustaríame que visitarades o Blog do Departamento de Orientación do cole, pois recentemente fixeron unha entrada moi interesante para aprender a utilizar o teclado do ordenador e coñecelo mellor.
Premendo na imaxe podedes acceder directamente á entrada e aprender moitas cousas deste descoñecido para moitos.

Por outro lado, supoño que onte domingo foi un día moi emocionante para moitos de vós, pois por fin puidestes saír á rúa e correr ao aire libre! Por se alguén ten algunha dúbida do que pode ou non facer, ou que recomendacións nos dan dende o Goberno, no blog do DO tamén publicaron unha entrada moi interesante que nos aclara este tipo de cuestións. Fai click na imaxe e infórmate!



Ademais, neste blog tamén tedes outros recursos fantásticos repasar moitos contidos que xa coñecedes, ou aprender cousas novas. Animádevos a entrar e explorade todas as ideas e propostas maravillosas que fan as profes Esther, Loli AL e Loli(xefa do DO).


sábado, 25 de abril de 2020

XORNALISTAS POR UN DÍA

Ola a todas e todos!

Supoño que hoxe moitos de vós estaredes moi contentos, pois mañá por fin poderedes saír un pouquiño á rúa por primeira vez en moitas semanas! Está claro que sodes uns campións! Pois aguantastes moitos días nas vosas casas...iso é de valentes! 

Aínda que xa sabedes que isto non acabou de todo...temos que seguir cumprindo coas medidas que nos mandan para acabar con este virus e que remate canto antes esta situación e nos poidamos volver abrazar de novo!

Mentres non podemos saír, algúns colectivos están facendo que este confinamento sexa máis levadeiro, aportando o seu grauciño para animar a todas as persoas que temos que quedar na casa.

Un exemplo desta bonita iniciativa foi o que fixeron os Bombeiros de Santiago hai uns días polas rúas de Compostela. Pero eu non vos podo contar máis...para iso, lede a NOTICIA que vos deixo a continuación (hai tamén un vídeo para ver o que aconteceu).

Despois...converterémonos en xornalistas: primeiro, buscaremos infomación na noticia e contestaremos a unha serie de preguntas, despois ti serás o xornalista e deberás escribir unha noticia (en castelán) e, por último, podes facer un debuxo para animar aos bombeiros a continuar coa importante labor que están a facer!

(Premendo sobre os tres puntiños abaixo á dereita podedes ver máis grande a presentación)

Cando remates, deberás ENVIAR  a noticia que ti escribiches e o debuxo (aínda que este é voluntario, pero gustaríame moito ver como vós tamén aportades o voso grauciño)
Podedes escribir a noticia a ordenador (moi recomendable) ou en papel (debe estar moi limpiño e tense que enteder moi ben a túa letra). Despois, mándala ao correo de sempre (quintosionlla@hotmail.com)

As vosas noticias serán publicadas no "xornal" Os de quinto da Sionlla. E os debuxos serán enviados ao Parque de Bombeiros de Santiago de Compostela.

Veña! Activade o "modo xornalista" e a traballar!!

xoves, 23 de abril de 2020

23 de abril de 2020: Día do Libro

Ola a todos e todas!
Como ben sabedes, hoxe celébrase o DÍA DO LIBRO.
Aínda que estamos un pouquiño lonxe de vós, os mestres e mestras da Sionlla non queriamos deixar pasar este día tan importante e decidimos contarvos algúns dos nosos contos favoritos...aínda que teña que ser de maneira virtual!
Esperamos que vos gusten moito!!



Agradecer especialmente á profe Begoña o seu traballo de montaxe 
e o bonita que quedou esta presentación.


Ademais, algúns compañeiros e compañeiras traballaron arreo e xa fixeron estes MARCAPÁXINAS tan maravillosos!! 

SARA
SONIA


MARTÍN



CARLOTA
SABELA